Galicia - Galiza
Galicia

II Aberto Internacional Cidade de Pontevedra

Pontevedra

7 - 14 de agosto de 2014

Informa: Escola de Xadrez Pontevedra | Web | Web Torneo | ChessResults | Directo | PGN-Visor

Crónicas

O mozo de 18 anos, Jaime Santos, Campión do II Internacional de Xadrez Cidade de Pontevedra

Un empate na derradeira rolda fronte o cubano Arián González, foi suficiente para que Jaime Santos, de tan só 18 anos, escribise o seu nome con letras douradas na historia do torneo de xadrez pontevedrés. Con 6 vitorias e 3 empates, Jaime sumou 7.5 puntos, os mesmos cao Mestre Internacional da Universidade de Vigo, Rafael Rodríguez, pero con mellor coeficiente de desempate.

Jaime Santos
Jaime Santos

O leonés Santos, é unha das grandes esperanzas do xadrez nacional. Esta vitoria en Pontevedra confirma a súa espectacular traxectoria ascendente, e ven a mellorar o seu resultado do ano pasado no que xa quedará subcampión.

Jaime atopa no PonteCampus as condicións óptimas para desenvolver o seu mellor xadrez, rodeado polos mozos máis destacados do xadrez galego e nacional e cun corpo técnico de adestradores sen parangón en España.

A vitoria dun dos rapaces do PonteCampus supón a constatación do proxecto desenvolvido pola Escola Xadrez de Pontevedra, no que xunta o traballo de tecnificación coa organización dun evento internacional de alto nivel.

O podio completárono o Mestre Internacional Rodríguez no segundo caixón, máis o Gran Mestre Lelys Martínez no terceiro.

Os Gran Mestre serbio, Dragan Paunovic non puido revalidar o título e finalizou na décima posición con 6.5 puntos, os mesmos co seu compatriota Barlov que foi sétimo.

Tamén con 6.5 puntos, topamos os galegos, Julio Suárez, vixente Campión de España sub 18, máis o Gran Mestre Lariño, oitavo e noveno respectivamente. Ambos xogadores serán os protagonistas da exhibición que se celebra no entorno da Basílica de Santa María, con motivo da Festividade Maior de Pontevedra, e como peche do festival de xadrez que acolleu por máis de 15 días a moitos dos mellores xogadores de España máis a importantes figuras da elite internacional.


Iria Ares Campo

Na loita pola clasificación feminina, finalmente, Iria Ares levouse o gato a auga, adiantando no último alento a Mestra cubana Yaniela Forgas.

Campión Veterán, Phlip Adams
Campión Veterán, Phlip Adams

No premio ó mellor veterano non houbo sorpresa, pois o xogador inglés, Philip Adams confirmou a súa vitoria

Entre os locais, o primeiro clasificado foi Alberto Portela, que disputou un torneo fortísimo no que se enfrontou cun total de cinco xogadores titulados. Con 5,5 puntos rematou no decimo sétimo posto e cunha suba de case 50 puntos ELO no listado internacional, no peto.

 

Juan Manuel Martínez Montes
Juan Manuel Martínez Montes

Martín Martínez Montes
Martín Martínez Montes

Coa suma das categorías especiais, Candidato a Mestre, Afeccionado máis as de base repartíronse un total de 42 premios. De novo a Escola Xadrez de Pontevedra copou os primeiros postos das categorías de base, salientando o papel dos irmáns Martínez Montes, campión da sub 8 e sub 10.

Lucas Abal Cores
Lucas Abal Cores

Quizais un dos momentos máis sentidos, chegou coa entrega do Premio Ramón Escudeiro á mellor partida de ataque, moitos aspirantes buscaron a inspiración que lles permitise homenaxear no taboleiro o ilustre xadrecista da Escola Xadrez de Pontevedra e non llo puxeron nada doado ó xurado. Finalmente foi parar a mans do galego Lucas Abal Cores, por unha partida na que se lanzou contra o rei inimigo, sacrificando varias pezas e demostrando unha forza de cálculo extraordinaria. O veredicto do xulgado coincidiu coas numerosas mensaxes que deixaba o público nas redes sociais. Para gozar das partidas candidatas máis a do campión só hai que entrar na páxina web oficial do evento, www.xadrezpontevedra.com

EXHIBICIÓN DE PARTIDAS SIMULTÁNEAS NO CENTRO DE PONTEVEDRA

O día 15, a Escola Xadrez de Pontevedra e a Asociación de Veciños de Santa María, organizan unha nova exhibición de partidas simultáneas. Unha tradición que cumpre 15 anos e xa é un dos clásicos da programación de festas da cidade.

O Gran Mestre David Lariño, de 25 anos, e Campión de España en todas as categorías, incluída a absoluta, máis Julio Suárez recente Campión de España sub-18, serán os encargados de impartir a sesión de simultáneas. Coma en todas as actividade nas que a Escola Xadrez de Pontevedra saca o xadrez á rúa, calquera pontevedrés poderá participar, e neste caso, enfrontarse a dous dos mellores xogadores de España, ou para os menos atrevidos, gozar da mestría do seu xogo.

A exhibición terá lugar no entorno da Basílica de Santa María, das 11:00 ás 13:00.

Gabinete de prensa da Escola Xadrez de Pontevedra

 

Rolda 8. Catro Mestres con opcións á coroa pontevedresa para unha última rolda de auténtico infarto

A derradeira xornada do II Internacional de Xadrez Cidade de Pontevedra deixa a catro xogadores na loita polo título. Os Mestres Internacionais, Jaime Santos, Rafael Rodríguez máis os cubanos Arian González e Roberto Gómez, conforman o cuarteto do que sairá o Campión do torneo, se ben, o leonés de 18 anos, Santos, máis Rodríguez da Universidade de Vigo, parten cunha vantaxe de medio punto sobre os cubanos.

MI Rafael Rodríguez
MI Rafael Rodríguez

Jaime Santos lidera con 7 puntos a clasificación provisional tralo seu empate con Gran Mestre Lelys Martínez. Cos mesmos puntos situase Rafael Rodríguez o derrotar nunha disputada partida ó Gran Mestre serbio, Dragan Barlov.

Jaime Santos
MF Jaime Santos

Xa no grupo de 5.5 puntos atopamos ós grandes derrotados da oitava xornada, Grandes Mestres coma Barlov, Paunovic ou Lariño que perderon as súas opcións a loitar polo primeiro posto, pero que loitaran por un posto entre os mellores. Coa mesma puntuación atopamos ata 13 xogadores, entre os que figuran os mozos galegos, Alberto Portela, Julio Suárez e Lucas Abal, tres das promesas máis firmes do xadrez galego e nacional.

Alberto Portela
Alberto Portela

Na clasificación dos veteranos, unha nova vitoria do inglés Philip Adams, asegúralle, case matematicamente, repetir galardón, xa que Adams foi o vencedor na primeira edición do Cidade de Pontevedra.

Julio Suárez
MF Julio Suárez

O primeiro posto da clasificación feminina decidirase entre a Mestra Cubana, Yaniela Forgas e a xogadora galega Iria Ares. A cubana parte cunha gran vantaxe, ó sumar 5 puntos, polos 4.5 de Iria.

Lucas Abal
Lucas Abal

Outros premios coma os da categoría Mestre Candidato, Afeccionados ou o material didáctico para as categorías de base, terán que agardar polos seus gañadores ata o último intre debido a extrema igualdade entre os aspirantes.

Os enfrontamentos pódense seguir en directo nas instalacións deportivas do Casino Mercantil, ou ben a través da páxina web oficial, www.xadrezpontevedra.com

A clausura do evento está programada para as 21:00 horas.

Non rematará co Torneo Internacional a festa do xadrez en Pontevedra, xa que, o día 15, a Escola Xadrez de Pontevedra e a Asociación de Veciños de Santa María, organizan unha nova exhibición de partidas simultáneas. Unha tradición que cumpre 15 anos e xa é un dos clásicos da programación de festas da cidade.

O Gran Mestre David Lariño, de 25 anos, e Campión de España en todas as categorías, incluída a absoluta, máis Julio Suárez recente Campión de España sub-18, serán os encargados de impartir a sesión de simultáneas. Coma en todas as actividade nas que a Escola Xadrez de Pontevedra saca o xadrez á rúa, calquera pontevedrés poderá participar, e neste caso, enfrontarse a dous dos mellores xogadores de España, ou para os menos atrevidos, gozar da mestría do seu xogo.

A exhibición terá lugar no entorno da Basílica de Santa María, das 11:00 ás 13:00.

Gabinete de prensa da Escola Xadrez de Pontevedra

 

Rolda 7. O Mestre Internacional, Jaime Santos, a unha vitoria de facerse co Cidade de Pontevedra

Jaime Santos, con 6.5 puntos de 7, e tras derrotar a revelación do torneo, o pontevedrés Portela, situase a un so punto de facerse co título do cidade de Pontevedra. O leonés de 18 anos soubo sacarlle bo proveito a unha imprecisión de Portela na apertura, e tamén a súa maior experiencia en competición, pese a súa curta idade. A vitoria de hoxe, ó mando das pezas negras, déixao á fronte da clasificación, con medio punto de vantaxe sobre o xogador da Universidade de Vigo, Rafael Rodríguez, e xa cun punto enteiro co pelotón de Grandes Mestres que lle intentan dar caza.

Jaime Santos
MF Jaime Santos

A falla de dúas partidas para o peche do torneo, a suma dun punto, daríalle, case matematicamente, o triunfo na cidade do Lérez, iso si, nesta fase da competición todos os puntos valen o seu peso en ouro e non é unha tarefa doada sumalos. O seu rival da oitava rolda, o Gran Mestre cubano Lelys Martínez ten a obriga de derrotalo para manter as súas opcións intactas na loita pola coroa pontevedresa.

O perseguidor inmediato de Jaime Santos, o Mestre Internacional Rafael Rodríguez, terá un oso duro de roer no Gran Mestre serbio Barlov, nembargante a vitoria é o único resultado que lle permitiría manter a presión sobre Santos.

MI Rafael Rodríguez
MI Rafael Rodríguez

No pelotón de xogadores con 5.5 puntos topamos coa maior parte dos titulados, e entre eles, aínda o pontevedrés Portela que tentará aguantar o seu ritmo. Na oitava xornada loitará con outro dos cubanos, Arian González, o que xa lle arrincou un empate na pasada edición do Internacional de Xadrez.

Iria Ares Campo
Iria Ares Campo

Na loita pola clasificación feminina, Iria Ares mantén o pulso coa Mestra cubana, Yaniela Forgas, ambas chegan as dúas últimas roldas empatadas a 4.5 puntos.

WFM Yaniela Forgas
WFM Yaniela Forgas

O inglés Philip Adams mantense á fronte dos veteranos con 4 puntos e sen derrotas no seu marcador, xa que suma 6 empates máis unha vitoria.

Entre os xogadores locais hoxe temos que salientar, pese á derrota, a labor de do mozo de 16 anos, Miguel Rodríguez. Miguel xogaba co vixente campión, o Gran Mestre Paunovic, ó que obrigou a tirar do mellor do seu repertorio para acadar o punto xa que por momentos semellaba que o pontevedrés non tería problemas para acadar un empate. Conta a cuarta hora de xogo, unha lixeira imprecisión do xogador da canteira pontevedresa foi suficiente para que o serbio atopase o camiño da vitoria, nun final no que ambos tiñan o mesmo material.

Antonio Frois
Antonio Frois

Xa no mundo das estatísticas, un dos datos máis significativos con respecto o seguimento en liña do evento, é a forte entrada do país veciño, Portugal, na listaxe de visitantes. Un dato sorprendente se temos en conta que un único xogador portugués está a disputar a proba. Quizais unha explicación máis lóxica a atopemos na promoción e análise do evento que está a desenvolver nas redes sociais, un dos Mestres do PonteCampus, nada máis e nada menos, que ¡o vixente Campión de Europa Veterano!, o portugués Antonio Frois. Un auténtico luxo para os rapaces poder contar con el no grupo de adestradores.

Os enfrontamentos pódense seguir en directo nas instalacións deportivas do Casino Mercantil, ou ben a través da páxina web oficial, www.xadrezpontevedra.com

Gabinete de prensa da Escola Xadrez de Pontevedra

 

Rolda 6. As promesas do xadrez nacional poñen patas arriba o Cidade de Pontevedra

Alberto Portela con 15 anos, e Jaime Santos con 18, lideres en solitario do Torneo Internacional Cidade de Pontevedra tralas súas vitorias da sexta rolda fronte o Mestre FIDE Enrique Álvarez máis o Gran Mestre serbio, Dragan Barlov . Chegando a recta final do torneo, a primeira mesa queda fora do alcance dos Grandes Mestres e principais favoritos o título, porque esas cadeiras quedan reservadas, por méritos propios, para dúas das grandes promesas do xadrez nacional.

Alberto Portela
Alberto Portela

O PonteCampus organizado pola Escola Xadrez de Pontevedra ven a encher o gran baleiro deixado polas federacións, galega e española, no eido da formación das novas xeracións. A cidade de Pontevedra eríxese, no deporte do xadrez, nun referente nacional da tecnificación deportiva de alto nivel. A aposta da escola pontevedresa por un corpo técnico de máxima calidade, sen esquecer os compoñentes lúdicos propios dun campamento, acadan que resultados coma os de Alberto ou Jaime xurdan dunha maneira natural, funcionando ademais coma un excelente estímulo para os compañeiros da convivencia.

Jaime Santos
MF Jaime Santos

Na persecución dos dous mozos atopamos o Mestre Internacional da Universidade de Vigo, Rafael Rodríguez máis o Mestre FIDE Dan Cruz, ambos con 5 puntos. Con 4,5 agardan a súa oportunidade os cubanos Lelys Martínez, Arian González e Gómez Ledo máis o Gan Mestre galego David Lariño.

MI Rafael Rodríguez
MI Rafael Rodríguez

O veterano Philip Adams mantense invicto á cabeza do grupo de maiores de 60 anos. Con 3,5 puntos, na sétima rolda enfrontarase o seu compatriota, o inglés Jacob Manton.

Na categoría feminina, Iria Ares, do Alexandre Bóveda coruñés, adianta á Mestra cubana Yaniela Forgas. Con catro puntos dos 6 posibles, Iria ocupa o posto 19 da clasificación xeral.

MF Dan Cruz Álvarez
MF Dan Cruz Álvarez

Por fin a choiva deu un respiro e permitiu ós participantes gozar das actividades paralelas organizadas nas magníficas instalacións deportivas do Casino Mercantil de Pontevedra. A piscina olímpica é a favorita dos máis cativos e parece ser que algún dos Mestres do torneo demostrou unha gran habilidade coa raqueta nas pistas de tenis. Xa contra a noite, un gran número de participantes tiña previsto acudir o concerto de Ducan Dhu programado nas festas da cidade.

Os enfrontamentos pódense seguir en directo nas instalacións deportivas do Casino Mercantil, ou ben a través da páxina web oficial, www.xadrezpontevedra.com

Gabinete de prensa da Escola Xadrez de Pontevedra

 

Roldas 4 e 5. O pontevedrés, Alberto Portela, líder do Internacional de Xadrez

Trala esgotadora rolda dobre do domingo, o xogador da Escola Xadrez de Pontevedra lidera a proba con 4.5 puntos. Con tan só 15 anos, Alberto está a realizar unha magnífica actuación, catro vitorias máis un único empate fronte o Gran Mestre serbio, Dragan Barlov, sitúano á fronte da táboa clasificatoria.

Alberto Portela
Alberto Portela

Os resultados de Portela veñen a reafirmar a traxectoria ascendente que o levou a compartir o primeiro posto do recentemente finalizado Campionato de España Sub-16. Unha nova alegría para a Escola de Xadrez de Pontevedra por partida dobre, pola boa labor dun dos alumnos e polo seu significado no aspecto organizativo, xa que se xustifica o esforzo por levar a bo porto probas nas que a base poida enfrontarse con xogadores de alto nivel, e así darlle continuidade a súa progresión.

GM Dragan Barlov
GM Dragan Barlov

Despois de 5 roldas, tres xogadores máis empatan coa puntuación de Portela, o Gran Mestre Barlov máis os Mestres Jaime Santos e Enrique Álvarez. Na sexta rolda Santos xogará fronte a Barlov e Portela con Álvarez.

GM Dragan Paunovic
GM Dragan Paunovic

No pelotón perseguidor soben con moita forza os Mestres cubanos e o Gran Mestre galego David Lariño e xa están a un punto da cabeza. Pola contra o vencedor da pasada edición, o Gran Mestre serbio Paunovic, cedeu medio punto máis e xa non ten marxe de rro se quere manter as súas opcións a loitar polo título.

Entre as mulleres, a cubana Yaniela Forgas suma 3.5 puntos e xa podemos falar da primeira vitoria da xogadora invidente, Carmen Lago, perante un xogador que a superaba en máis de 300 puntos de ELO internacional.

Carmen Lago
Carmen Lago

Daniel Abba mantense na cabeza do grupo dos "catro de Manchester", pese a caer na rolda matinal fronte á promesa galega Xulio Suárez. Na sexta terá un difícil reto fronte o ex-campión de España Absoluto, o Gran Mestre Lariño.

Na categoría "xogador veterano", o inglés Philip Adams marcha con medio punto de vantaxe sobre o local Juan Antonio Sardina.

Philip Adams
Philip Adams

Na loita pola popularidade, Portela está a ser o claro vencedor nas redes sociais, a súa mocidade xunto co bo xogo que está a desenvolver, faino digno merecedor da simpatía do público. A partida máis seguida polo momento foi precisamente a disputada entre Portela e o Gran Mestre Barlov.

Os enfrontamentos pódense seguir en directo nas instalacións deportivas do Casino Mercantil, ou ben a través da páxina web oficial, www.xadrezpontevedra.com

Gabinete de prensa da Escola Xadrez de Pontevedra

 

Rolda 3. Os novos valores poñen contra as cordas ós Mestres Internacionais

A terceira rolda deixounos apaixonantes enfrontamentos entre os aplicados alumnos do PonteCampus e os cabezas de cartel do torneo, nalgún os Mestres foron quén de darlle a volta á partida pero noutros saltaban as primeiras sorpresas maiúsculas do torneo.

Pablo Garrido
Pablo Garrido

Na mesa un ardían as redes sociais cos comentarios do público que estaba a seguir a partida en directo a través do visor en liña. O mozo estremeño Pablo Garrido estaba a piques de derrotar o número un do ranking, o tamén mozo e Mestre Internacional, Jaime Santos. Todo parecía decidido nun final no que Garrido xogaba cunha torre fronte un bispo de Santos, pero as cousas do xadrez, no que se di que gaña o que comete o penúltimo erro, e tras unha imprecisión do estremeño Jaime Santos xa non lle deu opción.

Daniel Abbas
Daniel Abbas

Xa na mesa tres ía chegar a primeira badalada do torneo, Daniel Abbas, un dos mozos de Manchester que participa no intercambio organizado pola Escola Xadrez de Pontevedra, derrotaba o Mestre Internacional Diego Guerra, un dos mellores xogadores da historia de Galicia. Abbas desenvolveu un xogo impecable de principio a fin, impoñendo unha lixeira vantaxe obtida na apertura, cunha precisión digna dun Gran Mestre do xadrez. Daniel non puido evitar emocionarse cando recibiu a ovación dos seus compañeiros do campus, máis dos Mestres do corpo técnico.

Carmen Lago
Carmen Lago

No duelo local, Alberto Portela ó mando das pezas negras derrotaba a David García e mantén o pleno de vitorias.

Hoxe debutaba a xogadora da ONCE, Carmen Lago, sempre fiel as citas da escola pontevedresa, que caía derrotada ante o inglés Jason Lau.

Vista Xeral
Vista Xeral

O Gran Mestre serbio Dragan Barlov sumou a terceira vitoria e lidera a clasificación do grupo de nove xogadores que marchan invictos.

O domingo chega a maratoniana xornada dobre, que arrinca as 10:00 da mañá e continúa as 17:00 da tarde. Na cuarta rolda veremos o debut do vencedor da pasada
edición, o Gran Mestre Dragan Paunovic. Tamén comezaran a súa andaina o Gran Mestre David Lariño, Campión de España en todas as categorías, máis o grupo de catro Mestres procedentes de Cuba. Todos eles se acolleron a unha das modalidades da competición que lles permite comezar con tres descansos de medio punto, e dicir, comezan con 1.5 puntos de 3 posibles, e non poderán permitirse ningún erro se queren chegar a loita polo título. É pouco habitual ver Mestres empregando os descansos, que neste caso xustificase por ser a única opción que lles permitía compaxinar a súa participación en dous eventos internacionais consecutivos.

Os enfrontamentos pódense seguir en directo nas instalacións deportivas do Casino Mercantil, ou ben a través da páxina web oficial, www.xadrezpontevedra.com

Gabinete de prensa da Escola Xadrez de Pontevedra

 

Rolda 2. Fortes xogadores galegos ceden os primeiros puntos

A segunda rolda do Cidade de Pontevedra aínda non deparou esa sorpresa tan anhelada polo público, que é cando un afeccionado acada unha vitoria ou un empate fronte un dos Grandes Mestres do xadrez. Nembargante, xa podemos falar de pequenas sorpresas fronte a fortes xogadores galegos. O italiano Eloy Puga, de 1898 puntos na listaxe internacional acadaba un meritorio empate, tras máis de catro horas de loita, fronte a Xullo González de 2286. Pola súa banda, o inglés Jacob Maton de 1864 facía o propio fronte a Xullo Torrado de 2247. Os dous Xullos forman parte do equipo vixente Campión Galego.

Iria Ares Campo
Iria Ares Campo

Os Mestres Internacionais manteñen o seu ritmo con vitorias obtidas sen excesivas complicacións, e tampouco afrouxan os mozos Santos, Suárez e Portela.

Os alumnos do PonteCampus comezan con moi bo pé e agardando xa polos enfrontamentos cas primeiras espadas do torneo, "ás que lles van dar máis dun susto", segundo apuntaba o Gran Mestre Manuel Pérez Candelario, do corpo técnico do PonteCampus.

Jacob Manton
Jacob Manton

Entre os xogadores locais, destacou a vitoria de David García Sobrino de ELO1852 e sub-16, fronte a Lucas Abal (ELO2130). O protagonismo feminino foi para Iria Ares que se enfrontou na primeira mesa o Mestre Internacional Jaime Santos, xogando unha moi boa partida na que buscou a iniciativa máis o dinamismo das súas pezas, pero topou co sólido muro do leonés que non puido derrubar.

Xa na terceira rolda a diferenza de ELO entre os rivais vaise reducindo, polo que a suma dos puntos supón un esforzo moito maior. Nas primeiras mesas veremos a moitos alumnos do Campus, nunha xornada que se promete apaixonante.

David García Sobrino
David García Sobrino

Os reloxos poranse en marcha ás 17:00, coa excepción do domingo,día no que se disputará unha maratoniana sesión dobre, comezando as 10:00.

Os enfrontamentos pódense seguir en directo nas instalacións deportivas do Casino Mercantil, ou ben a través da páxina web oficial, www.xadrezpontevedra.com

Gabinete de prensa da Escola Xadrez de Pontevedra

 

Rolda 1. Sen sorpresas entre os principais favoritos

Poucas veces se dá unha rolda na que absolutamente todos os que teñen unha maior puntuación na listaxe internacional obteñen a vitoria, pero a piques estivo esta primeira xornada de ser unha das excepcións. Tan só en catro partidas acadou puntuar o xogador de rango inferior, e as catro foron táboas, as máis salientables, as acadadas polo mozo de 15 anos, Leonardo Leiro fronte o Mestre FIDE galego, Dan Cruz.

Jaime Santos
MF Jaime Santos

Jaime Santos, na mesa un, volveu chamar a atención do público polo escaso tempo que consume do seu reloxo, desta vez tan só dez minutos. Un estilo de xogo que fai lembrar o Campión Mundial, o indio Anand, de gran sona pola súa velocidade de calculo.

Na segunda rolda aínda teremos enfrontamentos con moita desigualdade entre os opoñentes, pero con rapaces moi novos e con moita enerxía que non llo porán nada doado os seus riváis.

Julio Suárez
MF Julio Suárez

Os reloxos poranse en marcha as 17:00, coa excepción do domingo no que se disputará unha maratoniana sesión dobre, comezando as 10:00. Os enfrontamentos pódense seguir en directo nas instalacións deportivas do Casino Mercantil, ou ben a través da páxina web oficial, www.xadrezpontevedra.com

Gabinete de prensa da Escola Xadrez de Pontevedra

 

Éxito de participación no II Internacional de Xadrez de Pontevedra

Cidade de Pontevedra 2014

Un total de 115 deportistas na procura da coroa do Lérez. A ampla representación galega e da xeografía nacional témoslle que engadir a participación de figuras internacionais procedentes de países coma Serbia, Inglaterra, Cuba, Portugal, Italia ou Alemaña.

14 xogadores titulados, entre eles, catro Grandes Mestres, outórganlle o torneo a máxima categoría na escala da Federación Internacional de Xadrez no tocante a posibilidade de obtención de titulacións internacionais.

Entre os participantes repite o mozo leonés de 17 anos, Jaime Santos, subcampión da pasada edición na que estreaba o seu título de Mestre Internacional. Tan só un ano despois, Santos chega a Pontevedra coma número un do listado inicial e coa firme intención de acadar a titulación de Gran Mestre.

Dous mozos máis que seguro han dar que falar son, Alberto Portela da Escola Xadrez de Pontevedra e o vilagarcián Julio Suárez, prata no Campionato de España sub-16 e ouro no sub-18, campionatos disputados hai menos de 15 días.

Alberto Portela
Alberto Portela

A enorme repercusión internacional da edición anterior fixo nacer neste ano un apaixonante proxecto de intercambio cultural e deportivo liderado pola Escola de Xadrez de Pontevedra. Unha expedición de catro promesas do xadrez en Manchester máis dous adestradores desprazouse ata Pontevedra para participar no evento, na vindeira Semana Santa o grupo pontevedrés devolverá a visita.

A retransmisión en liña do evento converte á cidade de Pontevedra nun dos focos de atención do xadrez mundial, calquera afeccionado poderá realizar o seguimento das principais partidas en rigoroso directo. Na edición anterior superouse a marca das 25.000 conexións ó directo.

Navegando pola páxina web do evento os espectadores non só participan do espectáculo deportivo senón que descobren o atractivo turístico dunha cidade engalanada para a súa Festividade Maior.

Gabinete de prensa da Escola Xadrez de Pontevedra

Organización :

Escola de Xadrez Pontevedra
http://escolaxadrezpontevedra.blogspot.com.es/

 

TablaDeFlandes