Galicia/Galiza
Galicia

Crónicas da Liga Galega de Clubs

Chantada - Lugo

Sábado 6 marzo de 2010

Informa: Círculo Chantadino Web

Crónica Rolda 8:

2ª D. CÍRCULO XADREZ CHANTADA 2- ESCOLA DE LALÍN "A"-2

O Círculo de Xadrez de Chantada segue líder do Grupo D de segunda división tras empatar no Lalín "A" nun encontro no que ningún podía perder para manter as posibilidades de ascenso.

a) No taboleiro número un Alejandro Hoffman gañou a súa partida como corresponde a un Gran Mestre fronte ao sempre gran xogador que é Juan Jesús Sanz, tras tres horas de enfrontamento. Juan Jesús é un xogador moi regular que, a pesar de levar o primeiro taboleiro do Lalin, o que supón enfrontarse co teórico mellor de cada equipo, perde moi poucos puntos.

b) No segundo taboleiro, José Miguel Vázquez, o Gotera, con vantaxe posicional na apertura, tras un deses erros de cálculo posicional, permitiu que a posición se igualase e mesmo con posibilidade de peón de menos, aceptando unhas táboas propostas polo adversario como unha saída moi digna nese momento.

c) Pedro Guitián, nunha posición controvertida, que parecía mellor que a do adversario, (opinión maioritaria pero non compartida entre os analistas presentes) tamén acabou aceptando unhas táboas propostas polo seu adversario Salvador Crespo.

d) No taboleiro catro que en principio ía a ser xogado por Ricardo foi defendido polo mesmo Boán, este ano descoñecido e cada paso máis indeciso. Boán cunha apertura moi ordenada perdoou a vida do adversario na desenvolvida apertura, cando tras estudar a posibilidade de sacrificar un Alfil polo Peón de c2 que lle tería dado vitoria, xa por mate, xa por perda de Dama, inseguro dos propios criterios, optou por seguir a partida. Estas indecisións lévano a regalar partidas que de calquera outro xeito tería gañado, e que dende logo non terían acontecido en anos anteriores. Despois desta indecisión seguiron outras indecisións nas que ía quedando sen espazos que levaron á necesaria derrota, pois no xadrez ao igual que no futbol, quen perdoa adoita perder. Xusta vitoria pois para o lalinense Meijome, que leva gañadas as dúas partidas que leva xogadas en segunda.

Foto
Escola de Lalín A (á esquerda) vs Círculo Xadrez Chantada
En primeiro plano Manuel José Meijome (con pezas brancas) e Ánxo Boan Rodríguez

Ao final táboas como resultado final nun encontro que ningún dos dous equipos debía perder. Visto o calendario que queda por diante, os de Deza teñen un calendario moito máis favorable que os de Asma, de todas as maneiras a diferenza de 2,5 puntos en favor dos Chantadinos, promete un final de liga apaixonante.

Anxo Boán conta co mellor equipo para as xornadas do día 13 e do día 20, aspirando a manter a distancia co Lalín A, que dende a xornada do día seis de marzo e visto o calendario que se aveciña, convértese no rival máis perigoso para privar ao Círculo Chantadino do primeiro posto de segunda división.

O Circulo de Xadrez de Chantada despois desta rolda conserva o liderado aumentando a súa vantaxe en medio punto máis fronte ao Baños Print de Vilagarcía que son os segundos clasificados, pero necesita gañar as dúas roldas que quedan no mes de marzo, especialmente a do día 20, crucial para as aspiracións ao ascenso á primeira división.

A falta de coñecer o resultado entre a Escola de Xadrez de Pontevedra e o Ateneo de Ourense, a Clasificación vai encabezada polo Círculo Chantadino con 18,5 puntos, segundo o equipo Baños Print de Vilagarcía de Arousa con 17,5, terceira a Escola de Ajedrez de Lalín con 16 puntos. Seguen o Fischer de Moaña e o Xadrez Loureiro con 15,5 e 15 puntos respectivamente.

  CÍRCULO XADREZ CHANTADA
2-2
  ESCOLA LALÍN "A"
B ALEJANDRO SERGIO HOFFMAN
1 - 0
N JUAN JESÚS SANZ SIXTO
N JOSÉ MIGUEL VÁZQUEZ FORTES
½ - ½
B MIGUEL MOSQUERA FOCIÑOS
B PEDRO GUITIÁN VÁZQUEZ
½ - ½
N SALVADOR CRESPO VARELA
N ANXO BOÁN RODRÍGUEZ
0 - 1
B MANUEL JOSÉ MEIJOME SAA

Programa GEFE. Clasificación dos Grupos de Segunda División

Outros resultados de Segunda División Grupo D:

LOCAL
Resultado
VISITANTE
KÁRPOV AFICIONADOS
2,5 - 1,5
CLUBE ÁGORA
FISCHER MOAÑA "B"
2,5 - 1,5
CLUB XADREZ OURENSE "D"
XADREZ LOUREIRO "A"
2,5 - 1,5
CXF-BAÑOS PRINT
EXP "ZONA INFORMATICA"
1 - 3
ATENEO DE OURENSE
CÍRCULO XADREZ CHANTADA
2 - 2
ESCUELA LALÍN "A"
A.C. A ESTRADA
2 - 2
LICEO ACADEMIA POSTAL OURENSE "B"

Programa GEFE. Clasificación dos Grupos de Segunda División

TERCEIRA DIVISION GRUPO E:

Casa da Xuventude B 2,5 Círculo Escolas Deportivas A 1,5

Discreta actuación do Círculo Chantadino en Ourense na Casa dá Xuventude ourensana, na que o debutante Jesús Varela Fernández, foi o único que conseguiu a vitoria, a pesar de levar moito tempo sen xogar.

Carlos Rojo, e Ramón Iglesias non acaban de traducir a súa notoria progresión en resultados (Recordamos que Ramón Iglesias na pasada tempada conseguiu en Celanova co equipo b, o punto necesario para o ascenso matemático do primeiro equipo).

Manuel García López, fixo unhas meritorias e merecidas táboas nunha cancha que xa gañase o ano pasado, e Jesús Varela, o propietario do bar onde xogan os do círculo, a falta de persoal, acudiu á cita e deu a badalada.

Attakke Peonil 3 - Círculo Escolas Deportivas B-1

Os de Attakke Pionil de Bande, firmes candidatos ao ascenso á segunda división, impuxéronse aos nenos de Chantada. Só a pequena Daria López Pérez, contra todo prognostico foi quen de conseguir o seu punto para o Círculo Chantadino.

Universitario Ourensán 3- Círculo Escolas C -1

O equipo Universitario de Ourense tamén se impuxo aos nenos das escolas por 3-1, o único punto chantadino foi conseguido por Jesús Neira.

Xadrez Pepe Lolo 4 - Casa da Xuventude A -0

Inexplicable actuación da Casa dá Xuventude A, quen a pesar de ter o equipo máis forte de toda a terceira, non compareceu á cita, coa conseguinte penalización.

Nesta partida é de destacar, que aínda por non comparecencia do rival, Enrique Rojo, gaña, por fin, a súa partida. Os resultados negativos de Rojo, tampouco se corresponden co seu xogo, pois non é normal que un xogador que no circuíto da Estradeza conseguía máis da metade dos puntos, teña tantas dificultades para gañar as partidas de terceira.

PROTAGONISTA DA SEMANA: ENRIQUE ROJO

Foto
Enrique Rojo

Anxo Boán e Círculo Chantadino de Xadrez

 

Crónica Previa da Rolda 8:

Con motivo do temporal que azoutou Galicia o pasado 27 de febreiro suspendeuse a liga Galega de Xadrez, polo que a xornada 7 da liga galega quedou aprazada para o 17 de abril.

O Círculo Chantadino de xadrez, actual líder do grupo D de segunda división recibe ao Lalín A, terceiro clasificado na xeral e tan só a dous puntos e medio do Círculo Chantadino.

Foto
Circulo Chantadino Xadrez no VI OPEN de Xadez de Chantada.
En primeiro plano J.J. Sanz, que o sábado enfrontarase ao GM Alejandro Hoffman

O Círculo Chantadino xógase nesta xornada media liga, pois o Lalín A sempre será un rival complicado, e que se gaña estará aí loitando polos postos de cabeza deica ao final.

Foto
Salvador Crespo de Lalín será o rival de Pedro Guitián

De vencer ao Círculo Chantadino daría un paso máis cara ao ascenso a primeira, pero aínda queda moita liga e queda sobre todo a partida do día 20 fronte a BAÑOS PRINT do equipo Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa, actualmente no segundo lugar da táboa clasificatoria a tan só medio punto do Círculo Chanatadino.

Foto
O local do Circulo Chantadino xa está listo para recibir ao Lalín A

O Local está preparado para recibir o sábado ao Lalín e os taboleiros agardando. Anxo Boán salvo imprevisto ou forza maior conta con Alejandro Hoffman, Gotera, Pedro Guitián e de forma máis dubidosa a Ricardo. Se Ricardo non puidese, dependendo da aliñación dos de Lalín, será suplido por Camilo ou Anxo Boán.

Anxo Boán e Círculo Chantadino de Xadrez

Crónicas anteriores:

Rolda 1 | Rolda 2 | Rolda 3 | Rolda 4 | Rolda 5 | Rolda 6 | Rolda 7 (derradeira)

Sitios Relacionados:

Circulo Chantadino de Xadrez
http://www.cichaxa.es

Federación Galega de Xadrez
http://www.fegaxa.org

Programa GEFE. Resultados da Liga Galega de Clubs
http://www.gefe.net

 

TablaDeFlandes