Galicia/Galiza
Galicia

Crónicas da Liga Galega de Clubs

Chantada - Lugo

Sábado 13 marzo de 2010

Informa: Círculo Chantadino Web

Crónica Rolda 9:

2ª D. ATENEO DE OURENSE 1½ - CÍRCULO XADREZ CHANTADA 2½

O Circulo Chantadino de Xadrez, que presentaba un grande equipo formado por Hoffman, Ramón Delgado, Gotera e Camilo, foi correspondido polo Ateneo de Ourense que presentou o seu mellor equipo. Xogadores da categoría de Joaquín Losada e da de José Luis Vázquez Mazaira, os cales apenas xogaron este ano, pasaron a formar parte da aliñación para recibir o reforzado líder por ese día, o Circulo Chantadino de Xadrez.

Foto
Círculo Xadrez Chantada (á dereita) vs Ateneo de Ourense
Ramón Delgado, Gotera e Camilo, ante a atenta mirada de Alejandro Hoffman (de pé)

O encontro foi disputadísimo e só a partir das oito da tarde se empezaron a decantar as posicións.

Gotera, taboleiro número tres da orde de forza chantadina, mellor situado que o seu rival, lanza un demoledor ataque, e cando todo parecía que ía finalizar nunha brillante combinación en poucas xogadas, resulta que non foi tal. Un tempo perdido, quizais nunha desas indecisións ou vacilacións, levaron a cambiar totalmente o signo da partida, e o chantadino atacante viuse obrigado a abandonar ante a imposibilidade de retorno ás posicións defensivas. Primeira derrota nesta tempada, para un xogador que segue sendo un mito local na arte do xadrez e un referente para as futuras xeracións do xadrez Chantadino.

Foto
Gotera (á esquerda) do Círculo Chantadino vs Hernández Puentes Ateneo de Ourense

Camilo tiña unha complicada partida ante Manuel Otilio, despois de desenrolar ista cunha igualdade material e posicional, chegouse a un final de torre e peóns que parecía difícil de resolver. Nesta situación chegou a oferta de táboas propostas polo Ourensan, quen cun peón pasado en sexta fila da columna da torre de dama e cos reis xogando no flanco contrario, non parecía doado coroar. Ambos os dous tiñan os seus campos de acción moi limitados. O rei de Camilo non se podía permitir un xaque pola retagarda que lle podería custar a coroación do peón do adversario e o Rei de Manuel Otilio estaba limitado ao seu flanco. Camilo tiña no flanco de rei catro peóns contra tres que non podía descoidar o Ourensán.

A aceptación das táboas era a única decisión sensata naquel momento en que acababa de abandonar de Gotera, mentres Ramón Delgado parecía ter encamiñada o final, e a confianza que a priori presenta Hoffman para resolver positivamente á súa partida entón igualada, que auguraban xa entón, como asi foi, unha vitoria do Circulo pola mínima que lle permitía afastarse na clasificación dun rival a priori directo como era o Ateneo, sen complicarse cun empate ou cunha derrota que complicasen de forma innecesaria o mantemento do liderado da categoría.

Foto
Camilo (á dereita), no taboleiro número catro conseguiu unhas valiosas táboas
que lle permiten ao Circulo Chantadino limar diferenzas cos seus rivais

Hoffman tivo en fronte un rival da categoría de Joaquín Losada, quen mantivo a igualdade ao longo da partida, polo menos material, pois posicionalmente, os Grandes Mestres da categoría do Arxentino, sempre saben como manter esa invisible diferenza que non vemos os profanos, e que lles permite, ao remate, levar a partida para o seu peto.

Foto
Alejandro Hoffman (Circulo Chantadino, á Dereita) vs Joaquín Losada (Ateneo de Ourense)

Ramón Delgado e José Luis Vázquez chegaron a un final de torre e peóns onde parecía que a estrutura dos peóns do chantadino lle permitiría impoñerse con máis facilidade da que resultou. Despois de diversos trocos de peóns, e quedando no taboleiro rei e torre do ourensán fronte a rei, torre e peón do chantadino, peón cuxa promoción foi obxecto de loita nas últimas xogadas que se resolveu logrando o seu obxectivo grazas á mellor posición do rei do chantadino.

Foto
Ramón Delgado (Circulo Chantadino, á esquerda) vs José Luis Vázquez (Ateneo Ourensan)

Despois deste resultado, o Circulo Chantadino de Xadrez, volve a aumentar en medio punto máis a diferenza fronte ao segundo clasificado, o Baños Print do Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa, equipo que recibirán en Chantada o vindeiro día 20 de Marzo, data que pola ausencia de Gotera, Anxo Boán contará con Hoffman, Ramón Delgado, Pedro Guitián e Diego Álvarez confiando na vitoria do Circulo Chantadino para así se poder distanciarse algo máis deste perigoso rival, Baños Print, que está a realizar unha brillante tempada, pero que aínda lle queda baterse con equipos da fortaleza do Loureiro ou do Fischer de Moaña, cos que se enfrontarán o día 17 de abril posiblemente polos postos de promoción-ascenso co permiso do Lalín que nestes momentos está tan só a 3,5 puntos dos chantadinos e cun calendario moi similar a partires desta xornada contra os de Vilagarcía.

Os do Fischer métense no grupo de cabeza, pero son os que teñen o calendario a priori máis complicado, ademais do sempre perigoso Karpov pontevedrés teñen como rivais nos vindeiros encontros ao potente Xadrez Loureiro e ao Baños Print. De ter gañado esta xornada, o xadrez Loureiro, irrompería no grupo de cabeza e terían por diante como rivais ao Ateneo Ourensán e aos Fischer. Enfrontamentos entre os perseguidores do Circulo Chantadino que prometen un final de liga apaixonante, sendo para o Circulo a quenda do vindeiro sábado a fundamental para as as súas aspiracións.

Aínda pode pasar de todo nunha liga nas que as forzas parecen moi igualadas. Dende Chantada, hoxe en día, despois da derrota dos de Lalín fronte aos de A Estrada, vense como os rivais máis directos, a vista do calendario que lles queda, e que se enfrontarán na última rolda a unha Escola de Xadrez de Pontevedra, a que parece que non se xogaran nada máis que o bo facer dos nenos desta escola, xa que a estas alturas non parece que lles poida perigar a permanencia na categoría, ao mesmo tempo que se alonxan dos grupos de cabeza.

Foto
O local do Circulo xa está listo para recibir ao Baños Print de Vilagarcía de Arousa

Todo iso sen esquecer que os do equipo Baños Print están neste momento a tan só punto e medio do Circulo Chantadino e de gañar ou empatar o vindeiro sábado en Chantada poderían complicar moito as aspiracións do equipo local.

Tras esta vitoria, e a falta de coñecer o resultado do xadrez Loureiro, o Circulo Chantadino de Xadrez encabeza a xeral con 21 puntos e séguenlle a punto e medio o Baños Print, a 2,5 o Fischer de Moaña, a 3,5 a EA de Lalín.

 
ATENEO DE OURENSE
1½ - 2½
 
CÍRCULO XADREZ CHANTADA
B
JOAQUÍN LOSADA GALLEGO
0 - 1
N
ALEJANDRO SERGIO HOFFMAN
N
JOSÉ LUIS VÁZQUEZ MAZAIRA
0 - 1
B
RAMÓN DELGADO COMERMA
B
GUSTAVO LUIS HERNÁNDEZ PUENTES
1 - 0
N
JOSÉ MIGUEL VÁZQUEZ FORTES
N
MANUEL OTILIO MIGUEZ HERMIDA
½ - ½
B
JOSÉ CAMILO RODRÍGUEZ FERREIRO

Programa GEFE. Resultados Liga Galega de Xadrez

Outros resultados de Segunda División Grupo D:

LOCAL
Resultado
VISITANTE
LICEO ACADEMIA POSTAL OURENSE "B"
2,5 - 1,5
KÁRPOV AFICIONADOS
ESCUELA LALÍN "A"
1,5 - 2,5
A.C. A ESTRADA
ATENEO DE OURENSE
1,5 - 2,5
CÍRCULO XADREZ CHANTADA
CXF-BAÑOS PRINT
2 - 2
EXP "ZONA INFORMATICA"
CLUB XADREZ OURENSE "D"
1 - 3
XADREZ LOUREIRO "A"
CLUBE ÁGORA
1 - 3
FISCHER MOAÑA "B"

Programa GEFE. Clasificación dos Grupos de Segunda División

TERCEIRA DIVISIÓN

En terceira división o Circulo Escolas A puido contar coa participación conxunta de Ricardo García e a de Anxo García Brea, sendo este último quen deu o único punto conseguido fronte ao Celanova B.

COMO DESTACADOS E PROTAGONISTAS DA SEMANA, esta semana da Feira do Viño, destacar a ilusión que manteñen os nenos por xogar por enriba dos malos resultados conseguidos e que a xornada transcorreu nun ambiente festivo marcado pola Feira do Viño.

Anxo Boán e Círculo Chantadino de Xadrez

Crónicas anteriores:

Rolda 1 | Rolda 2 | Rolda 3 | Rolda 4 | Rolda 5 | Rolda 6 | Rolda 7 (derradeira) | Rolda 8

Sitios Relacionados:

Circulo Chantadino de Xadrez
http://www.cichaxa.es

Federación Galega de Xadrez
http://www.fegaxa.org

Programa GEFE. Resultados da Liga Galega de Clubs
http://www.gefe.net

 

TablaDeFlandes