Galicia/Galiza
Galicia

Crónicas da Liga Galega de Clubs

Chantada - Lugo

Sábado 17 de abril de 2010

Informa: Círculo Chantadino Web

Crónica previa á Rolda Final:

Dificilmente se podía prever tanta emoción nin tanta incerteza despois de rematadas 10 das 11 xornadas de liga e onde só falta recuperar a xornada 7, suspendida polo temporal o día 27 de febreiro e posdatada para o vindeiro 17 de abril.

Só falta por recuperar unha xornada, nunha liga, nun grupo, no que só pode ascender un directamente e só queda unha praza de promoción e cando só queda por recuperar a xornada do temporal, dun grupo de 12 equipos, resulta que aínda sete deles teñen esperanza de ascenso, xa sexa directamente xa sexa a través de promoción.

No Liceo de Ourense xoga o Líder, o Circulo Chantadino de Xadrez, que tentará conseguir polo menos ese par de puntos que lle quedan para ser campións matematicamente e sen depender de ninguén. Parece que punto e medio podería ser suficiente no suposto que os Fischer gañaran 4-0, pois dos resultados directos duns e dos outros supoñería para o Circulo incrementar o seu Sonem en 33,25 puntos e o Fischer incrementaría 88 puntos e tendo en conta a diferenza entre ambos os dous de algo máis de 50 puntos en favor dos de Chantada habería que agardar todos os encontros e comprobar resultado a resultado para saber en favor de quen se decanta esa diferenza.

Os seguidores do Liceo, a dous puntos, enfróntanse entre eles, e só cunha baixa, polo que este equipo non debería ter problema, pois aínda no suposto hipotético de triplo empate a 19 puntos a diferenza de Sonemberg que agora mesmo teñen cos do Karpov non debería prexudicalos. Prognóstico Liceo 1,5 - Circulo Chantadino 2,5

En Vilagarcía de Arousa xoga o Segundo Clasificado con opcións ao primeiro posto, pero os xadrecistas do Baños Print, rival do Fischer, con opción a promover estarán pouco dispostos a deixarse gañar e pretenderán máis ben o contrario. Para os do Fischer conseguir tres puntos sería un gran resultado, en abstracto, pois meteríanse con 27 puntos e só poderían igualar a Escola de Xadrez de Pontevedra, e o Circulo, claro está, mentres que para os do Baños Print, tres puntos non parecen suficientes e necesitan xogalo todo polo todo en cada taboleiro. Prognóstico 2-2

En Lalín xoga o terceiro clasificado, a Escola de Xadrez de Pontevedra. A Escola de Xadrez de Pontevedra, formada polos máis xovenes xadrecistas da categoría, foi o único equipo ata agora que derrotou ao líder, e o único capaz de gañar por 4-0 ao Agora Silleda. Tamén é capaz de vencer ao Lalín, máximo cando é dúbida o seu forte primeiro taboleiro JJ Sanz Sixto. O Lalín pola súa banda ten posibilidades de ascenso, e por iso, e para iso necesita os catro puntos e agardar. Prognóstico 1-3

No Ateneo Ourensán enfróntanse outros dous candidatos con posibilidades, aínda que as posibilidades do primeiro son practicamente nulas. Para que o Ateneo tivese opcións, tería que gañar 4-0 ao potente Loureiro A, ademais que os de Baños Print gañasen aos de Fischer por 3-1, e que en Lalin houbese empate ou unha vitoria local pola mínima, e ademais que as variacións de Sonemberg co Fischer non prexudicasen a estes, co que son moitas circunstancias pouco menos que imposibles. Os do Loureiro, non obstante si poden conseguir os 26 puntos, aínda que para iso terían que gañar todos e cada un dos taboleiros e logo agardar acontecementos. Prognóstico 1-3

Na ESTRADA, xógase o ser ou non ser entre os locais e os de Karpov de Pontevedra. O que perda, perde a categoría e un empate podería servir aos de A Estrada que chega a esta xornada favorecidos polo Sonemberg. Prognóstico 2-2

Finalmente en Ourense o Xadrez Ourense D recibe o Agora Silleda, ambos os dous matematicamente descendidos. Prognóstico 1,5-2,5

A xornada, pois, non pode ter máis emoción, onde rematada a liga, practicamente cando debería ser na maioría dos taboleiros un mero trámite, o azar quixo que entrásemos na derradeira xornada con lume en todos e cada un taboleiro.

Anxo Boán. Círculo Chantadino

 

Emparellamentos da Última Rolda (Rolda 7 aprazada á derradeira rolda) :

Equipo local   Equipo visitante
A.C. A ESTRADA - KÁRPOV AFICIONADOS
LICEO ACADEMIA POSTAL OURENSE "B" - CÍRCULO XADREZ CHANTADA
ESCUELA LALÍN "A" - EXP "ZONA INFORMATICA"
ATENEO DE OURENSE - XADREZ LOUREIRO "A"
CXF-BAÑOS PRINT - FISCHER MOAÑA "B"
CLUB XADREZ OURENSE "D" - CLUBE ÁGORA

Crónicas anteriores:

Rolda 1 | Rolda 2 | Rolda 3 | Rolda 4 | Rolda 5 | Rolda 6 | Rolda 7 (derradeira) | Rolda 8 | Rolda 9 | Rolda 10 | Rolda 11

Sitios Relacionados:

Circulo Chantadino de Xadrez
http://www.cichaxa.es

Federación Galega de Xadrez
http://www.fegaxa.org

Programa GEFE. Resultados da Liga Galega de Clubs
http://www.gefe.net

 

TablaDeFlandes